13/12/2014

O ABRAZO DA FRAGA

As miñas lembranzas do campo da Magdalena( Castrofeito -O Pino)

 

Agarimou contra o seu peito a urna.

-¿ Por que mama? ¿Por que este lugar?-preguntouse, mentres saía do coche e se achegaba a entrada da fraga.

Así llo fixera prometer. “Nena, quero que esparexes as miñas cinzas na Fraga. ¿Lembraste? Foras un verán ca avoa. Alí fun moi feliz. Déixame ó carón do carballo centenario”.

A Fraga. Había case trinta anos daquilo.

Camiñou cara á entrada da Fraga.  Sentiu nas súas meixelas o vento fresco e suave do outono.  Detívose a escoitar as ramas dos pinos, como se quixeran acompañar o vento na súa viaxe infinita. Seguiu o camiño de terra e pedras. Uns minutos despois, atopou un cartel a man dereita que indicaba onde estaba a fonte. Baixou a escalinata de pedra e bebeu directamente do cano. Estaba xeada. Decidiu sentarse alí, na escaleira de pedra , debaixo dos pinos altivos e  eucaliptos intrusos deixando que a Fraga a acollera no seu abrazo verde. Non sabía canto tempo estivera alí, chorando, ata que uns nenos que viñeron a beber a sacaron do seu abrazo. Enxugou as bagoas e ergueuse. O carballo centenario estaba seguindo un pequeno regato  .Achegouse a el e  admirou a súa beleza verde e maxestosa. Sorriu ó recordar que ,a ultima vez que estivera alí, ca súa avoa, intentou abrazalo.  A pesar de que esta vez tiña trinta anos mais ca ultima vez, e o seu corpo e brazos eran mais grandes,  non o rodeaban completamente. O abrazalo, topou unha marca na súa man dereita. Achegouse e viu escritos dous nomes enmarcados por un corazón e debaixo, sempre.

E de súpeto, entendeuno todo.

 

 

Sem comentários:

Enviar um comentário